En arturo alvarez, levamos máis de 20 anos adicándonos ao deseño e produción de iluminación decorativa. O enclave natural onde se atopa a nosa fábrica, en Vedra, preto de Santiago de Compostela, é unha fonte de inspiración continua que acaba plasmada nas formas, texturas e materiais das luminarias.
Producimos a man cada lámpada, unha maneira de traballar que forma parte dos nosos valores de marca e que fai que sexan obxectos verdadeiramente únicos, elaborados mediante técnicas moitas veces inspiradas na artesanía tradicional da contorna. Detrás do noso traballo está a procura do benestar do ser humano ligado ao goce hedonista do obxecto, que se acada con acabados de calidade, coidado polos pequenos detalles e a premisa de ofrecer luminarias cheas de personalidade.
A curiosidade é a cualidade que máis inflúe nos procesos de creación de Arturo Álvarez, director creativo da empresa, quen, mediante a exploración e descontextualización de materiais cotiáns, chega a novos e sorprendentes usos.
O seu traballo de investigación levouno ao desenvolvemento do SIMETECH®, un material innovador, resistente e mol, que obtivo no 2014 o premio BEST OF YEAR do magazine neoyorkino Interior Design como mellor solución innovadora para iluminación.
Algúns dos seus deseños teñen formado parte de exposicións en galerías e museos de arte en Londres, Nova York, Barcelona ou Tokyo; e teñen recibido os parabéns da crítica en forma de galardóns internacionais como o Good Design Award polas lámpadas Gea e Fluo, ou o Red Dot pola Guau.
Nos próximos anos continuaremos a traballar na investigación e no desenvolvemento de materias, sen perder de vista a preocupación por implementar tecnoloxías que contribúan ao aforro enerxético e a unha produción sostible.